Rexistro Dinahosting, Nº aa86882 : www.revenidas.com / www.revenidas.com.es
I - Festa das REVENIDAS - 2004
A SALGADURA EN VILAXOÁN, SÉCULOS XVIII - XIX
Na segunda metade do século XVIII, este porto superaba ós portos máis importantes de Galicia na exportación de sardiña salgada, ao remata-lo século había vinte fábricas de salgadura, froito do sacrificio e penurias que pasaron os nativos desta vila, baixo unha forma de escravitude dominante e dominada polos fomentadores (exportadores) cataláns.
A primeiros do devandito século, os mariñeiros de Vilaxoán comezaron a rentabiliza-la ostra para acomete-lo comercio de exportación para Castela, que era a praza de maior consumo. Arranxaban a ostra en escabeche para unha mellor conservación, logo as embarricaban e as exportaban en especial aos mercados de Madrid. Nos anos de 1706-1710, no mercado madrileño unha libra de ostra custaba 200 marabedís, no ano 1720 a cotización no mesmo mercado vendíase cada barril a sete reais de vellón. En 1750 os arrieiros (1) que levaban a mercadoría de peixe salgado e ostras a Madrid (parte da mercadoría era destinada para as mesas das Súas Maxestades), cobraban de 12 a 15 reais por legua percorrida.
Os mareantes da vila alternaban a recolleita da ostra coa pesca, onde ao longo deste século moitos deixaron a súa vida no Atlántico. Como o naufraxio acontecido en marzo de 1722 a unhas 15 millas da costa de Portugal. Neste naufraxio desapareceron para sempre os veciños de Vilaxoán Nicolás Díaz, Manuel Fernández, Antonio Soutelo e Xoán Lourenzo, este é un exemplo dos moitos que houbo ao percorrer dos anos deste s. XVIII.
Na metade deste século, concretamente nos anos 1750-1755, foi cando en Vilaxoán vaise a nota-lo pulo da industria da salgadura coa chegada dos primeiros cataláns, que eran expertos nesta importante industria do peixe salgado. Ao chegar o ano 1778, Vilaxoán era o porto máis importante da Ría de Arousa pola cantidade de fábricas que estableceron nesta vila.
Na década de 1750-60, os portos comprendidos na antiga provincia marítima de Pontevedra, entre eles o de Vilaxoán, zarpaban máis de cen barcos anualmente en leva-la sardiña a Portugal. Estes barcos chamados os Vascotes ou de Revenir ían cargados de 700 a 800 milleiros de sardiña.
Nos anos 1785-1790, o porto de Vilaxoán avantaxaba aos portos máis importantes de Galicia na exportación de sardiñas salgadas; ao remata-lo século había vinte fábricas de salgadura, froito do traballo dos nativos e do capital invertido daqueles cataláns que viñeron no ano 1755 como foron: Antonio Fábregas, Xosé Fontanals, Nicolás Ferrer, Tomás Martí, Francisco Sabriá e os irmáns Fidel e Xoán Curt. Estes foron os principais pioneiros da industrialización pesqueira deste porto de Sobrán. Abegaronse nas zonas do Preguntoiro, Pumariño, Tombo e Torás, moitos deles tiñan nacido nas poboacións de Arens de Mar, Blanes, Calella, Cubellas, Canet de Mar e outras poboacións de Cataluña. Ao longo dos anos fóronse destacando como industriais importantes Fidel Curt e Tomás Martí.
Fidel Curt o primeiro que fixo ao abergarse en Vilaxoán, foi escomezar a explotar aos nativos axustando os prezos cos patróns das lanchas con actas de escribán, para que se lle dera toda a sardiña ao prezo de 5 reais o milleiro en agosto e setembro, e 10 reais o resto dos meses; no contrato tamén puña que a sardiña que pescaran non a poderían vender a outra persoa aínda que lles prometera máis diñeiro.
Tomás Martí tiña a fábrica nun terreo á beira da súa casa, na rúa do Tombo ao carón do mar. Chegou a ser Martí o máis adiñeirado da Ría de Arousa nos finais anos deste século, tiña catro barcos de pesca e un bergantín; cando finou a primeiros do século XIX a herdanza que deixou, chegaba a dous millóns de reais e un importante patrimonio.
Pero mentres os cataláns enriquecíanse abondo, non era así para os mariñeiros nativos de Vilaxoán e doutras poboacións da Ría de Arousa, estes case sempre vivían baixo os donos cataláns, servíanse deles para explotalos como precarios xornaleiros. Meijide Pardo nos seus escritos de pescuda di, que en 1795 dende Pontevedra o Administrador da Renda de Salinas de Galicia dá conta a Madrid de certas anomalías con respecto aos mariñeiros, entre outras cousas dicía: “la ganancia de estes mariñeiros a penas les llega para salir del día, pasando el resto del año en la indigencia y desnudez”.
Os cataláns facían préstamos aos mariñeiros, hipotecando terras e casas para que mercaran barcos e aparellos, tendos así deste xeito controlados economicamente. Os mariñeiros comezaron a chamarlle a estes cataláns, por unha banda fomentadores, e por outra explotadores.A arribada destes emigrantes cataláns, en boa parte foron por homes oportunistas xa que con un pouco de diñeiro pretendían obter grandes beneficios no menos tempo posible, tanto a nivel persoal como formando empresas mercantís. Eran algunhas empresas de tempada, de pouca vida, xa que nestes casos a maioría delas non duraban máis que un ano, e logo voltaban a constituírse ao seguinte ano co mesmo dono ou con outros socios.
Nuns escritos de Xosé Cornide en :”Memoria sobre la pesca de sardina en las costas de Galicia. 1774”, comentaba: “ Vivía esta (Galicia) en el seno de la paz y de la abundancia; gozaba de los frutos de su costa y su suelo, sin la zazobra de perderlos en el futuro. Extrahíalos en naves propias a los países extranjeros y las retornaban cargadas de muchos géneros de preciso consumo y de gruesas sumas que aumentaban su moneda. Ignoraba las fatales consecuencias del lujo, porque no lo conocía. Y he aquí se presentan los industriosos catalanes, esos holandeses del mediodía, que vinculan su subsistencia en los productos de su industria; esos hombres especuladores, cuyas operaciones dirige sólo el interés. Y derramándose en varias colonias de pescadores y traficantes por la costa, ocupan hasta la más pequeña ensenada; emprenden la ruína de la pesca, trastornan el comercio de sus naturales dejándolos en una sujeción precaria. Abusan de la sencillez de los incautos pescadores, empéñandolos en contratos que causan ruina y anticipándoles en vinos y aguardiente el valor de su futuro trabajo, vician sus costumbres y fomentan so ociosidad; porque no pudiendo el deudor disponer de su producto, le mira con tedio y le reputa por perdido.”
Xosé del Río Cossa autor dun arbitrio que remitira ao Ministerio de Mariña co título: “Contribución gravosa a la Pesca y Salazón”, dicía que deploraba a triste situación dos mariñeiros en Galicia convertidos en serviciais dos cataláns, rematando o escrito desta maneira: “se aprovechan del sudor de tanto rudo infeliz, es considerable la ganancia que reporta al negociador foráneo, el ramo de la sardina y demás pescados despues que salen de las manos de los infelices pescadores matriculados, no lucrándose estos en nada en comparación de aquellos, a quienes venden la pesca así que llega del mar, bajo el precio que les acomoda, y se ven precisados a cederles por el subyugo de ser sus artefactos”.
Mentres dura o tempo da colleita da sardiña, que é de xuño a setembro, case tódolos cataláns avegados en Vilaxoán vivían para este traballo, e nos outros meses negociaban exportando o producto traballado da sardiña. Cando a pesca era moi frouxa, facían negocio con outra modalidade de productos: viño, licores, coiros, ferros, brea, xabón, liño, aceite, etc. No negocio do viño controlaban a exportación dende Vilaxoán, eran os típicos exportadores que lles interesaba este porto, por mor de que tiña Alfándega e Subdirección de Mariña, e viñan tamén a este porto a vende-la sardiña os barcos de Carril, Illa de Arousa, Vilanova e O Grove.
No negocio do viño, os cataláns traíano a bordo dos navíos na viaxe de volta de Levante, sendo un negocio máis de lucro mercantil. Non só negociaban cos viños de Cataluña e Andalucía, tamén das colleitas desta Bisbarra do Salnés, tanto estes viños como os de fóra os exportaban ás poboacións de Galicia, en especial a Ferrol polo seu consumo, ao ser base naval e asento dos arsenais da mariña.
A partir do ano 1775, chegarían a este porto unhas cantas familias máis de Cataluña, como Francisco Batista, Xaime Bosch, Xoán Fábregas, Xoán Poch, e Francisco Prats. Un pouco máis tarde, concretamente nos anos1788 e 1795 chegaban outras familias: Antonio Bargués, Pedro Bori, Salvador Buhígas, Manuel Cardona, Antonio Carrero, Xaime Comas, Carlos de Haz, Pablo Jover, Xoán Murta, Pablo e Ramón Poch, Manuel Roquete, Xerardo e Venancio Tapias e Francisco Vila; a maioría deles rematando este século, tiñan as súas fábricas en Vilaxoán e tamén no Grove, nos pequenos portos, case todos eles eran veciños de Vilaxoán.
Fidel Curt non só asentara as fábricas en Vilaxoán e o Grove, tamén as instalara na Pobra do Caramiñal, Santa Uxía de Ribeira e Corrubedo, era dono dunha flota de galeóns de nome: “El Buen Jesús”, “Animas” e os Bergantíns “Manuel” e “Nuestra Señora de la Misericordia”.
A maioría das familias nativas desta vila se poñen ao servicio dos cataláns na labor do proceso de industrialización, case toda a totalidade dos mariñeiros traballaban na pesca da sardiña para a salgadura. Na labor do prensado, eran as mulleres quen tiñan esta tarefa, algunhas destas mulleres non só eran do porto de Vilaxoán, tamén viñan das aldeas de Faxilde, Lagoa, Galáns, lugares desta freguesía de Sobrán. Polo xeral estas mulleres non estaban inscritas no gremio do mar (Matrícula del Mar), tiñan o costume de laborar no campo e fiar, e cando era a colleita da sardiña traballaban na salgadura.
As opinións vertidas dos galegos sobre os cataláns eran de moitos calificativos: Fomentadores, Coperadores, Explotadores e Introductores de Técnicas de Pesca. Sobre esta última definición, os mariñeiros galegos non estaban de acordo en usar técnicas de pesca que implantaron os cataláns, tan en desacordo estaban, que ocasionou fortes e graves enfrontamentos ao implantar os cataláns a arte de pesca Xávega (esta arte de pesca era un dos recursos de lucro na Ría de Arousa), en 1770-80 o emprego desta arte, orixinou enfrontamentos entre os mariñeiros e cataláns, algúns destes enfrontamentos foron moi violentos. Os mariñeiros queixábanse de que non se empregaban cercos naturais e outras redes usadas antigamente, senón que coa Xávega a pesca era moi nociva, xa que estes aparellos recollen as crías da sardiña.Ante estes acontecementos xurdiron unha morea de motíns en moitas partes das costas de Galicia. Algúns exemplos que se saiba como o de Corcubión en 1757, onde os mariñeiros e a súas mulleres levantáronse contra os cataláns e as persoas que traballaban coa Xávega, rompéndoas. En Cee no mesmo ano, as mulleres da vila tocaron as campás para convocar ao pobo, ían armadas de paos, pedras e furcos, pedindo aos cataláns que pescaran co mesmo trato e termos que antano tiñan os veciños. Xente de Muros que desembarcou en Portosín como si fora unha escuadra en batalla, prenderon lume a unha casa e fábrica de sardiña que alí tiña un catalán, logo queimaron outras casas e fábricas de Salvador Martorrel que tiña na mesma vila. Asaltaron e queimaron outras catro casas e fábricas no Porto do Esteiro, esto aconteceu no ano 1812.
Nas datas do reinado de Carlos IV, houbo uns anos no que se privou o emprego da Xávega, concretamente no ano 1807 por unha orde do Capitán Xeneral do Departamento de Ferrol, onde dicía que se prohibía o emprego da Xávega nos mares de Galicia, menos na Ría de Ferrol nos meses da colleita da sardiña. Contra esta orde protestan os cataláns Boch, Buhígas, Curt, Poch, Martí, Jover, Haz, Roquete e Tapias, todos eles veciños de Vilaxoán.
Segundo os escritos de Meijide Pardo, as protestas dos cataláns expoñían ao Capitán Xeneral as súas razóns para o emprego da Xávega: “que en atención al hecho de haber contribuído con la mayor prontitud con cuantos impuestos dispuso la Corona para sus precisas y justas urgencias, Carlos IV les había concedido la franquicia, entre otras cosas, de emplear Jábegas y Xeitos para capturar la sardina y que pudiesen usar de las redes y clase de embarcaciones que más les acomode en todas las costas de Galicia”.
Un dos asinantes desta protesta fora Salvador Buhígas, Exercía de Procurador Síndico Xeral en Vilaxoán, representaba tódalas fábricas da Ría para formular calquera queixa ao goberno de Carlos IV. Salvador Buhígas Jenma estaba casado con Teresa Prat Pons, deste casamento naceron en Vilaxoán, Ulpiano e Salvador Buhígas Prat (2).
Ulpiano dedicouse á explotación de ouro en Australia, ven para España e funda unha fábrica de mistos en Carril, emigra a Uruguai onde dedicase á industria da carne bovina, pescudando a maneira de conserva-la carne. O Concello de Hixiene Pública de Montevideo patenta o sistema Buhígas inventado por el, para a conservación da carne.
A finais do século XVIII a demanda de peixe curado era importante dabondo, xa que as remesas que se fixeron por vía marítima foi preciso alugar navíos de bandeira estranxeira coa finalidade de poder prover da sardiña curada con regularidade.
En 1800 o Sr. Martorell fai un contrato de carga co patrón da fragata de Dinamarca “Mariane”, atracada no porto de Vilaxoán, para transportar 350 pipas de sardiña salgada a Cartaxena e Barcelona. Curt e Mascato tamén axustan prezos de fretamento co capitán do navío danés “La Providencia”, para levar ao porto de Almería unha carga de 447 milleiros de sardiña.
Outros industriais cataláns de Vilaxoán, como Bosch, Jover, Poch e Riva, concertan un transporte en 1805 co capitán do bergantín sueco “Enigheten”, de 300 pipas de sardiña para Tarragona; neste mesmo ano Félix Jover fai contrato co capitán do navío sueco “Juana Beata” dende o porto de Vilaxoán ao porto de Almería, de 33 cascos contiñan 322 milleiros.
Meijide comenta nos seus escritos: que os rexistros alfandegueiros sobre os anos de 1796 a 1806, din claramente ata que punto o porto de Vilaxoán era a “principalísima” base exportadora de toda a Ría de Arousa, onde máis do 80 por cento do volume anual de sardiña salgada e prensada foi expedida deste porto (sendo descoñecida a cantidade que foi remitida para o consumo interior de Galicia e Castela), o 20 por cento restante das remesas exportadas, foron dende os portos de Vilanova de Arousa, Santa Uxía de Ribeira, Carril, Vilagarcía, O Grove e Cambados. Nembargantes hai dúas xustificacións para que o porto de Vilaxoán fora tan destacado, a primeira era o feito da cantidade de fábricas que se atopaban instaladas nesta vila. A segunda, por mor de que o devandito porto tiña alfándega e Subdirección de Mariña, onde pagaban os dereitos de saída do peixe.
Nos estudios de pescuda de Meijide Pardo, recollo os destinos e cantidades de sardiña embarcada no porto de Vilaxoán dende os anos 1796 ata 1802 (as cantidades veñen recollidas en milleiros).
|
1798 (b)
|
1800 (b) |
| Levante (a) ........... 4.900 |
Levante (a) ........3.670 |
| Levante/Livorno ....3.260 |
|
| 8.160 |
|
|
1801 (b)
|
1802 (b) |
| Levante (a) ........5.300 |
Levante (a)......14.700 |
| Bilbao ...................280 |
A Coruña .............300 |
| 5.580 |
Asturias ...............230 |
| |
Cádiz ...................190 |
| |
15.420 |
(a).- Tamén estaban incluídos os portos de Cataluña.(b).- Por estar algunhas partidas en cascos, son estatísticas aproximadas. O volume total de embarque por este porto dende 1803 ao 1806, foi dun pulo moi importante, non só embarcábase para os devanditos portos, tamén despachouse sardiña para outros portos da xeografía española e de Portugal, sendo estes: Santander, Sevilla, Oporto, Canarias, etc. As remesas embarcábase para Vigo, A Coruña e Ferrol as máis delas eran para transbordar a outros barcos de maior porte, barcos que facían rutas ás nosas posesións de Indias ao través dos Correos Marítimos da Coroa, ou ben a bordo e navíos de compañías privadas.
Dende os anos 1803-06, as cantidades despachadas dende Vilaxoán, foron de 66.501 milleiros. Os meses do ano que máis se exportaba eran os de decembro, xaneiro e febreiro, un pouco menos os de setembro, outubro e novembro, polo mes de marzal era moi pouco o que se exportaba. Os restantes meses as cantidades eran de miudeza. Exportábanse en poucas cantidades outras clases de peixes, como o polbo e o congro curado. Para os portos de Levante no ano 1796, exportábanse 400 quintais de congro, cantidade que fora aportada neste ano por Tomás Martí.
Tamén na metade deste século XVIII en Galicia houbo un mercado moi importante de bacallao, importado por navíos e negociantes estranxeiros. Entre outros portos de Galicia que importaron o bacallao, o porto de Vilaxoán algo tivo que ver nos anos 1734 e 1737, onde chegaron algúns navíos de bandeira de Inglaterra que viñan de Terranova a descargar bacallao para o consumo de Galicia (3).
(1)—Estes arrieiros tamén chamados “Maragatos” pertencían á bisbarra da Maragatería moi preto de Astorga (León), levaban o peixe,ostras e outras mercadorías a Castela ao través da “Ruta Postal”, tamén chamada “Carrera de Galicia”, dende a Coruña esta ruta incluía as Postas seguintes: Betanzos, Portebelo, Outeiro de Rei, Hospital de Chamoso, Fontefría, Pedrafita do Cebreiro, Trabadelo, Cacabelos, Molinaseca, Fuencenbandón, Astorga, La Bañeza, Benavente, Villacastín, Espinar, Guadarrama, Torrelodones, e as Rozas.Os arrieiros tamén levaban peixe fresco para Madrid, para transportar esta mercadoría, estes estaban ao mando dos “Maestros de Postas”. Estes transportistas tiñan a saída da Coruña para Madrid ao pé das 4 ou 9 do serán, invertendo no percorrido unhas tres xornadas da viaxe.Como exemplo tomaremos a ruta do día 23 de maio de 1751, sae da Coruña as nove da noite unha remesa dun cento de linguados e algúns rodaballos, sendo recollida en Madrid no Pazo Real pola mañanciña do día 25. Estas remesas remataban a finais de abril ou mediados de maio, por mor da calor que facía por terras de Castela, xa que algunhas destas mercadorías chegaban podrecidas.Estes correos a cabalo encargados de face-lo percorrido de Posta en Posta o peixe fresco, facían un total de 41 viaxes da Coruña a Madrid nos meses de decembro ata abril, chegando a facer un termo medio de nove viaxes no mes.No Arquivo Xeral de Contas de Simancas. Marina,legados 4183 e 4187,carpeta 1751-54, aparecen algúns nomes destes arrieiros: Francisco Ares veciño de Val de San Lourenzo (Astorga); Tomás de la Puente veciño de Lucillo (Astorga) etc..
(2)—Salvador Buhígas Prat,nacido en Vilaxoán,casou en Carril con Esclavitud Abad.Foi Alcalde en 1860 deste concello, Salvador tivo unha dedicación política moi importante cara ao pobo de Carril xa que formou parte en 1886 da xunta directiva que fundou a Cámara de Comercio de Carril, adiantándose á de Vilagarcia.
Deste matrimonio, naceron Salvador,Luciano,Ulpiano, Juan, Matilde e Esclavitud. De todos eles, Luciano nacido en 1862 formou parte como concelleiro en Carril xunto con José Alemparte, Pío Carrasco e Manuel García, Fundou unha das consignatarias máis importantes de Galicia estando ao servicio da compañía naviera Ybarra. Un fillo de Luciano, Carlos Buhígas García foi Almirante Xefe do Estado Maior da Armada Española.
(3)—Nestas datas as mestas contribucións de bacallao a Galicia, a primacía a tiña Inglaterra seguida de Francia, Noruega, Dinamarca e Holanda. As tempadas ou épocas de máis consumo de bacallao en Galicia eran dende xaneiro ata a Coresma, tamén entre as dúas Pascuas. A Coruña era o primeiro porto da chegada do bacallao, seguido dos portos de Vigo e Ribadeo. Na Ría de Arousa eran os portos de Carril e Vilaxoán.anual do bienio 1766-68 fora de 240..Segundo Maijide Pardo nos seus escritos, onde comenta que o número de finados en todo o distrito compostelán no ano 1769 chegou a ser de 6.000.
@Teodomiro Cardalda Fernández






